Presentación

O Concello de Santiago de Compostela non é alleo ao contexto social no que están en revisión as formas de relación coa cidadanía, e á esixencia dunha administración con «paredes de cristal». A transparencia supón beneficios para a xestión pública: mellora a súa eficacia, ao facer públicos e accesibles os resultados da súa actividade, achega a súa acción á cidadanía que participa como un axente activo, e facilita a capacidade para revisar a trazabilidade das decisións adoptadas.

O Portal de Datos Abertos do Concello de Santiago de Compostela está dedicado a promover o acceso aos datos do goberno local e impulsar o desenvolvemento de ferramentas creativas para atraer e servir á cidadanía.

Datos Abertos (open data en inglés) é unha iniciativa global, ligada ás políticas de Goberno Aberto, que persigue que os datos e a información, especialmente as que posúen as administracións públicas, se publiquen de forma aberta, regular e reutilizable para todo o mundo, sen restricións de acceso, copyright, patentes ou outros mecanismos de control.

A filosofía orixe destas iniciativas é fomentar a transparencia, a eficiencia, a participación cidadá e o desenvolvemento económico. 

Servir a persoas interesadas individuais e a empresas, para que poidan utilizar a información pública

  • para simples consultas
  • para enriquecer a información con novos datos (dar valor engadido)
  • para xerar aplicacións e servizos
  • para xerar novos negocios

Dotar de maior transparencia ao conxunto das Administracións Públicas,

  • a publicación dos datos que posúen as Administracións en formatos abertos é a forma óptima de xerar confianza nas institucións, porque amosa o traballo que se realiza nas distintas institucións e amosa como se xestionan e invisten os recursos públicos
  • axuda ao desenvolvemento económico xeral, á xeración de novos sectores e novos servizos para a cidadanía

Para coñecer máis sobre esta iniciativa pode consultar a sección de «Preguntas Frecuentes».